Estimadas familias:
Despois desta primeira semana de confinamento por mor do COVID-19, retomamos a actividade deste blog de infantil coa finalidade de poñer ao alcance todas as familias un banco de recursos para facilitarvos o día a día cos vosos/as fillos/as e que ademais favorecerán a continuidade das rutinas nestes días excepcionais. Nos vindeiros días iremos publicando máis recursos, así que....... estade atentos!
Estas recomendacións xerais deben ser entendidas como actividades voluntarias.
- Estimulación de hábitos que melloren a súa autonomía persoal en canto a hixiene (lavar as mans, cepillar os dentes,...), vestido (vestirse só, ordenar a roupa,...) e comida (comer sós, alimentación saudable,...)
- Colaboración naquelas tarefas domésticas que son axeitadas á súa idade (recoller xoguetes, poñer a mesa, varrer ou limpar, facer receitas de cociña sinxelas, colaborar na elaboración da lista da compra, ....)
- Xogos en familia: cantar, bailar, xogos de mesa (parchís, oca, dominó, xogos de memoria, quen é quen?, ....), facer figuras con origami, facer experimentos, contar chistes e adiviñas, teatro, xogo do tesouro, crebacabezas, construccións,.. Para atopar recursos en galego podedes utilizar orellapendella e tamén XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS PARA TEMPO DE RECOLLIDA
Outras actividades que podedes levar a cabo son:
- Creación de xoguetes con materiais de reciclaxe: tambor, tres en raia, slime, etc
- Decoración de camisetas con debuxos orixinais.
- Elaboración de figuras con plastilina.
- Sesións de contacontos.
- Facer exercicio físico: saltar, estirar, dar volteretas, subir e baixar escaleiras,....
- Ver unha película en familia e logo falar sobre ela, facer un debuxo,....
- Aproveitamento das novas tecnoloxías (sempre con moderación): O buho Boo (xogos educativos para bebés e infantil) Cristic Xogos educativos online para infantil e primaria Xogos infantiles PUM! (online e gratis) Bee-Bot Emulador. Terapin Logo. Cokitos.
- Televisión: Clan lanza Educlan 3 a 5 anos, onde podedes atopar videos sobre as principais áreas curriculares, webs, apps e televisións conectadas.
- Aulas Galegas páxina creada por profesorado (por mor da situación de aillamento) para atopar recursos e materiais educativos en galego.
Debemos lembrar que o noso alumnado, como toda a comunidade educativa está pasando unha situación de estrés transitoria, polo tanto, debemos permitirlles facer as cousas cun ritmo persoal e tranquilo.
Desexamos que pasedes estes duros momentos da mellor maneira posible e que poidamos volver axiña á normalidade. Coidádevos moito e xa sabedes :
QUEDADE NA CASA
No hay comentarios:
Publicar un comentario